viernes, 31 de enero de 2025

OBRADOIRO DE BONECAS ABAYOMI

Na Biblioteca do colexio o alumnado de 3º e 4º realizamos un obradoiro super interesante de bonecas Abayomi, realizadas con roupa reutilizada, unha actividade con moita cultura.  A continuación poderedes ler a súa historia escrita por Yolanda Castro Reboredo. 

A HISTORIA DE ABAYOMI, A BONECA DA ESPERANZA 

Hai moito tempo, nun barco que cruzaba o océano, viaxaban moitas familias africanas. Non estaban alí por vontade propia, senón porque foran capturadas e levadas lonxe da súa terra. Era unha viaxe longa e triste, che de incerteza e medo. 

Entre esas persoas estaba unha nai chamada Amina, que viaxaba coa súa pequena filla, Zola. Cada noite, mentres as estrelas brillaban no ceo, Amina tentaba consolar a Zola, que choraba porque botaba de menos o seu fogar e a liberdade. 

Un día, Amina, tivo unha idea. Quería darlle algo especial á súa filla, al que lle recordase que, aínda estando lonxe da casa, podían aferrarse á esperanza e ao amor. Sen ter nada máis á man, Amina rasgou un anaco de tea da súa propia roupa e, coas súas mans hábiles, comezou a facer unha pequena boneca. 

Mentres traballaba, Amina díxolla a Zola: 

--Esta boneca chámase Abayomi, que significa "atopar algo precioso" na nosa lingua. É un recordo de que, pase o que pase, o amor e a esperanza sempre están con nós. 

Cando rematou, deulle a boneca a Zola. A nena sorriu por primeira vez en días. Abayomi converteuse na súa compañeira, un símbolo de forza, amor e a promesa dun futuro mellor. 

Co tempo, outras nais no barco comezaron a facer bonecas para os seus fillos, utilizando anacos de tea. Cada Abayomi era única, coma unha mensaxe de amor que axudaba a manter viva a esperanza no medio da escuridade. 

Aínda que aqueles tempos foron duros, a tradición das Abayomi seguiu viva. Hoxe en día, estas bonecas son moito máis ca xoguetes: son un símbolo de resistencia, creatividade e amor maternal. 

E así, a historia de Abayomi ensínanos que, mesmo nos momentos máis difíciles, o amor ten o poder d ecrear beleza e esperanza. 


           






No hay comentarios:

Publicar un comentario

O USO DAS PANTALLAS NA INFANCIA

 O 1 de decembro puidemos desfrutar dunha charla sobre novas tecnoloxías da man de Óscar Páramos Domínguez, psicólogo da Asociación Avante. ...